Friday 10 de May de 2024

Nove familias de Lousame participan na primeira edición dos “Espazos de Familia”, un programa de formación sobre a primeira infancia


A alcaldesa Teresa Villaverde asegurou que “a educación é un piar do noso Goberno”, polo que o Concello correrá con todos os gastos do programa, que será de balde para as familias
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e a concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, asistiron esta mañá á posta en marcha do programa “Espazos en Familia”, unha actividade socioeducativa impartida pola Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy na que participan nove familias de Lousame con fillos e fillas menores de 3 anos. Unhas sesións que terán lugar ao longo dos 8 próximos martes na Casa da Cultura de Lousame, en horario de 11:00 a 12:30 horas, segundo explicou Olaia González, psicóloga infantil da asociación Antonio Gandoy, que será a encargada de impartir as clases.

“Espazos en familia” configúrase como un lugar para o encontro e a formación das familias en temas relacionados coa primeira infancia: o sono infantil, a linguaxe, a importancia do xogo… e servir tamén para o intercambio de experiencias a carón doutras familias. “Todos sabedes que, por moito que nos preparemos, os nenos non veñen con manual de instrucións”, apuntou Teresa Villaverde, quen salientou o traballo desta iniciativa “á hora da primeira socialización non só dos nenos, senón tamén das familias que se abren e comparten experiencias, aprendendo a educar a estes pequenos que son un vaso baleiro que ten que ser enchido con saberes, normas e cariño”.

Un punto no que coincidiu Olaia González. “O desenvolvemento humano dura toda a vida, pois non cesamos de aprender. Pero os primeiros anos é a etapa máis sensible do noso desenvolvemento. O que aconteza nesta etapa vai ter consecuencias no desenvolvemento posterior, tanto positivas como negativas”.

Actividade de balde

A alcaldesa de Lousame salientou que “a educación é un piar do noso Goberno, polo que estamos abertos a colaborar nas actividades que fagades” e indicou que “comezamos co programa os vindeiros dous meses pero, se quedades satisfeitos, seguiríamos para o ano”. Unha iniciativa que será totalmente de balde para as nove familias que se inscribiron, seis delas presentes hoxe no inicio do curso, xa que “aínda que as familias adoitan achegar unha cuota para participar no programa, o Concello de Lousame, que aposta por unha parentalidade positiva, asume o gasto e así resulta gratuíto para as familias de Lousame”, explicou Olaia González.

As sesións de “Espazos en Familia” serán semanais e dunha hora e media de duración (martes, de 11:00 a 12:30 horas), tempo no que se levarán a cabo actividades e xogos en grupo que, ademais de propiciarlles ferramentas e coñecementos aos adultos, tamén servirán de resposta ás necesidades dos menores. “Ao finalizar as sesións, cada familia disporá do seu tempo individual para levar a cabo unha titoría concertada”, explicou Olaia González.

O programa será levado a cabo pola Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy, creada en febreiro de 2013 por profesionais procedentes da Fundación Preescolar na Casa, unha experiencia pioneira e referente no desenvolvemento da parentalidade positiva nas familias galegas durante os 36 anos que estivo en marcha. “Espazos en familia” ofrecerá ás familias lousamianas a posibilidade de encontrarse con outros pais e nais con nenos/as da mesma idade cos seus e de manter un contacto con profesionais da Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy, que deseñarán as xuntanzas para dar resposta concreta as necesidades e inquedanzas das familias participantes no programa.